Friday 17 de May de 2024

Os promotores do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia constituiranse o próximo 28 de novembro como Agrupación de Municipios para oficializar esta nova ruta xacobea


 

Consideran que a proposta conta cunha base histórica sólida para iniciar con éxito o expediente para que o seu recoñecemento como Camiño de Santiago

Os promotores do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia constituiranse o próximo 28 de novembro como Agrupación de Municipios para avanzar nos traballos para oficializar esta nova ruta xacobea. Así o acordaron os alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras dos nove municipios que promoven este trazado (Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago), así como representantes do tecido empresarial, turístico e cultural da comarca reunidos en Lousame.

Unha reunión que serviu para presentar un avance do estudo de recompilación da distinta documentación histórica referente ao Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia, contratado e financiado pola Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Ría Muros-Noia. Os responsables deste traballo concluíron que existe unha base sólida para demostrar a historicidade deste itinerario de peregrinación.

Un estudo elaborado grazas ás achegas realizadas polos distintos municipios participantes, así como por asociacións, entidades e investigadores da zona que demostran a existencia do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia. Unhas probas documentais especialmente significativas nos municipios de Muros e de Noia, neste último caso compiladas recentemente co gallo da celebración do Portus Apostoli e o 850 aniversario do nacemento da vila.

Agrupación de municipios

Os autores do estudo histórico confirmaron que este traballo estará rematado a finais do vindeiro mes de novembro, de cara a iniciar a tramitación do expediente diante da Dirección Xeral de Patrimonio para o recoñecemento do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia como ruta xacobea. O seguinte paso será a elaboración dun traballo de campo intensivo para determinar a proposta e delimitación do trazado definitivo para a súa protección. Un traballo que se fará en coordinación cos Concellos participantes e a Dirección Xeral de Patrimonio.

Para poder acometer e contratar esta segunda fase, os promotores do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia constituiranse como Agrupación de Municipios. Un convenio que será asinado o mércores 28 de novembro, ás 11:30 horas, en Santiago polos alcaldes e alcaldesas de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago.
Paralelamente, seguirase traballando na aprobación dos estatutos da futura Asociación de Municipios do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia, que durante estes meses están a ser informados por parte dos distintos Concellos e onde se están a integrar as achegas realizadas polos seus secretarios e interventores municipais.

Na reunión celebrada no salón de plenos lousamiá estiveron presentes as alcaldesas de Lousame, Teresa Villaverde; Muros, María Xosé Alfonso; e Outes, Beatriz Molinos; así como o alcalde de Noia, Santiago Freire. Tamén asistiron o primeiro tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos; a concelleira de Turismo de Ames, María Isabel González; o concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez; o concelleiro de mobilidade de Santiago, Jorge Duarte; o concelleiro de Turismo de Porto do Son, José Manuel Deán; así como a técnica de Turismo de Ames, Sonia Moure. Así mesmo, participaron Francisco Pérez, presidente da asociación de empresarios Noia Histórica; e Sol Agra, membro da Asociación Amigos do Camiño Ría de Muros-.Noia. O representante do Concello de Brión xustificou a súa ausencia.